UNHA NOVA CRISE QUE DEIXA EN EVIDENCIA A FALTA DE POLÍTICAS INDUSTRIAIS DO PARTIDO POPULAR

O BNG DEMANDA A INTERVENCIÓN INMEDIATA DA XUNTA DE GALIZA NA CRISE DE GUIDONI QUARTZ EN NARÓN

Visita a Guidoni

GUIDONI QUARTZ SPAIN S.L dedícase á fabricación e venda de taboleiro de aglomerado de seixo, ten domicilio social e principal centro de traballo no polígono das Lagoas no Concello de Narón, no que traballan actualmente 122 persoas.

Trátase dunha empresa que leva 35 anos na comarca e que xa pasou por diferentes crises e propiedades.

Constituída no seu día como Tile Stone coa participación de SODIGA (10%), unha entidade pública na que participaban a Xunta, o antigo INI e máis as antigas caixas de aforros, recibiu ademais numerosas subvencións.

Despois da penúltima crise pasou a ser propiedade da brasileira Guidoni a finais do ano 2015, unha grande empresa dedicada ao mercado da pedra natural que se introducía así nunha nova actividade e no mercado europeo, e que despois constituiría outras factorías de taboleiro aglomerado en Brasil e nos Estados Unidos, onde ten o seu principal mercado, xa que nos exercicios 2023 e 2024 as vendas nos Estados Unidos representaron máis do 55% da facturación da empresa de Narón.

Segundo comunica a empresa o descenso da facturación agravouse por causa da política arancelaria da administración Trump, mais a parte social denuncia un grave desleixo por parte da propietaria da empresa, e dado a importancia reducida desta empresa dentro do grupo internacional din sentirse como un xoguete e temen polos seus postos de traballo.

Para o BNG esta nova crise nunha empresa de carácter industrial na nosa comarca, que ven sumarse á de EINSA nas Pontes, deixa claro o abandono por parte da Xunta do Partido Popular da política industrial malia ter as competencias exclusivas nesta materia.

O deputado do BNG no Parlamento Galego, Mon Fernández, xunto coa concelleira en Narón, Bea Mosquera, a responsábel local, Marta Grandal e a responsábel comarcal, Pilar Lozano, reuníronse co comité de empresa, e trasladáronlles a presentación pola vía de urxencia dunha batería de iniciativas parlamentarias demandando a intervención inmediata da Xunta de Galiza para garantir o mantemento do emprego e da actividade.