O BNG demanda da Xunta compromisos orzamentarios co Concello de Fene

Mon Fernández, Juventino Trigo e Sandra Permuy

O IES FENE, un Centro de Día ou a seguridade viaria estarán no debate dos orzamentos da man do BNG

O Alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a concelleira Sandra Permuy, deron conta nesta fin de semana xunto co deputado Mon Fernández, das emendas que o BNG presentou ao proxecto de orzamentos actualmente en tramitación no Parlamento Galego.

Nesta ocasión quixeron poñer o foco nas numerosas necesidades do IES de Fene, situado en Barallobre e que albergaa máis de 420 alumnos e alumnas da ESO, de 2 especialidades de bacharelatos (Científico-tecnolóxico, e Humanidades e ciencias sociais), 4 ciclos medios (Mantemento electromecánico, Soldadura e caldeiraría, Instalacións frigoríficas e de climatización, e máis Electromecánica de vehículos automóbiles), 1 ciclo superior (Mecatrónica industrial), así como FP básica (Mantemento de vehículos e Fabricación e montaxe),

O centro, con anos 42 de idade, consta de 3 edificios, todos eles con múltiples eivas e necesidades, que serán obxecto de debate durante a tramitación dos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2025 da man do BNG.

A construción de beirarrúas nas estradas titularidade da Xunta AC115, entre Fene e Neda, e na AC133, entre Fene e Mugardos, tamén fan parte das emendas presentadas polo grupo parlamentario do BNG, do mesmo xeito que a construción dun Centro de día, ou a mellora do saneamento.

Outra das reivindicacións incluídas nas emendas do BNG que son de gran importancia para o Concello de Fene é o inicio dos traballos para a rexeneración da ría e da produción marisqueira.

Unha demanda histórica do sector que a Xunta do Partido Popular, malia ter competencias exclusivas en marisqueo, desatende un ano tras outro mentres o volume de capturas e de persoas traballando no sector cae en picado, deixando en evidencia que o sectores primarios, e nomeadamente o sector marisqueiro, nin son nin serán unha prioridade do goberno Rueda.

O Alcalde de Fene, Juventino Trigo, manifesta que as emendas presentadas polo BNG teñen por obxecto atender as necesidades básicas dos veciños e veciñas de Fene, tanto desde o punto de vista dos servizos públicos básicos, como por suposto a rexeneración da ría, unha actuación necesaria que cambiaría radicalmente a vida do Concello.