BNG defenderá no Congreso indemnizacións para as vítimas do amianto

Xuntanza BNG - AGAVIDA
Xuntanza BNG - AGAVIDA
Néstor Rego avanza que presentará emendas para garantir que se recoñeza con cargo ao Fondo de Compensación a concesión dos recargos nas prestacións, a obxectivización das condicións no acceso e a presenza de representantes das e dos afectados na comisión de seguimento.
BNG defenderá no Congreso indemnizacións para as vítimas do amianto

O BNG mantivo hoxe en Ferrol unha xuntanza coa Asociación Galega de Vítimas do Amianto (AGAVIDA) para falar da Proposición de Lei que será sometida mañá a toma en consideración do Pleno do Congreso para a creación dun Fondo de Compensación para as Vítimas do Amianto. No encontro estiveron presentes por parte do BNG o deputado Néstor Rego, o parlamentario galego Ramón Fernández, o portavoz municipal Iván Rivas e a responsábel comarcal Mercedes Tobío. Por parte de AGAVIDA acudiu unha delegación da directiva da asociación encabezada polo seu presidente Xoán Xosé Pita.

BNG e AGAVIDA coincidiron na conveniencia e urxencia de creación do Fondo de Compensación, que leva xa anos paralizado na tramitación parlamentaria, mais tamén, na necesidade de mellorar determinados aspectos do texto, para garantir o adecuado tratamento das vítimas. “Parécenos de xustiza que despois de tantos anos desde que se prohibiu o amianto porque se constataron os efectos altamente nocivos para a saúde, se cree un fondo para indemnizar as vítimas e se poña fin anos de batallas xudiciais para ver recoñecido ese dereito” subliñou o deputado Néstor Rego.

A creación do fondo pretende evitar a xudicialización dos procesos de reclamación que torna máis lenta a concesión das indemnizacións aos afectados e afectadas. Son procesos en que deben probar non só que a súa enfermidade é debida á exposición ao amianto, senón que na súa empresa se traballaba con este material, proceso de proba moitas veces difícil, con empresas que en moitos casos xa fecharon, sen persoas dispostas a testemuñar e direccións que aínda hoxe seguen a negar a utilización dese material de forma habitual.

Por estes motivos, é imprescindíbel que se conceda a indemnización de modo obxectivo, sen necesidade de probar a neglixencia. E debe tamén especificarse se os recargos nas prestacións por continxencias profesionais, que se conceden debido a que a doenza foi causada en parte por unha má praxe da empresa, que supoñen un incremento de entre 30 e 50%, se inclúen automaticamente e con cargo ao fondo.

Así mesmo, deben deixarse xa fixados na lei, sen agardar ao desenvolvemento regulamentario, asuntos como o dos prazos de reclamación e se se exixirá a renuncia aos procesos xudiciais. “A finalidade do Fondo de Compensación debe ser facilitar o acceso ás compensacións, a todas as que corresponderen, e debe ficar claro cales son as condicións e que estas van facilitar a concesión, garantir que as vítimas teñan un acceso rápido e áxil desde a diagnose”.

Ademais, desde AGAVIDA insisten na necesidade de que na comisión de seguimento do fondo, se prevexa a presenza de representantes das asociacións de vítimas do amianto, pois consideran fundamental que se conte de primeira man nas decisións a tomar coa opinión das e do afectados. Tamén referido á composición de seguimento, o BNG anuncia que emendará o texto de cara a especificar que os representantes dos sindicatos que agora mesmo se prevén, deben corresponder ás organizacións sindicais máis representativas, entre o que se inclúe á CIG, principal sindicato na Galiza, pero que tamén ten esa condición a nivel estatal.

BNG defenderá no Congreso indemnizacións para as vítimas do amianto