BNG defende incrementar en 195 millóns de euros o investimento do Estado nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

Presentación emendas OXE 2023

Néstor Rego rexistra emendas para garantir a diversificación da actividade industrial nas comarcas, a dotación de servizos para a cidadanía e valorizar bens e monumentos

Iván Rivas impulsa propostas para construír un proxecto de futuro na cidade de Ferrol que permita mellorar a calidade de vida e benestar da cidadaní

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o portavoz da frente nacionalista no Concello de Ferrol, Iván Rivas, dan a coñecer as emendas do BNG aos Orzamentos do Estado para 2023 co obxectivo de diversificar a actividade industrial das comarcas de Ferrol, As Pontes, Eume e Ortegal, así como a dotación de servizos e a posta en valor dos monumentos e bens inmóbeis de titularidade pública. A frente nacionalista rexistrou emendas para incrementar o investimento previsto polo Estado en mais de 195 millóns de euros; entre elas destaca a diversificación da actividade en Navantia, dotándoa dos recursos necesarios para que poida dedicarse á construción naval civil, ou a creación dun centro de investigación en robótica, vehículos autónomos e sistemas intelixentes para smart cities nas Pontes, así como a rexeneración  da Ría de Ferrol para recuperar a calidadae das augas e garantir unha maior produción na actividade marisqueira.

A organización nacionalista está a centrar o traballo arredor do proxecto de Orzamentos do Estado para 2023  no incremento de partidas  que permitan atender a crise industrial que sofre o noso País e superar o déficit histórico que sofre a Galiza en materia de infraestruturas e servizos, sobre todo no ámbito ferroviario. Neste sentido, Rego explica a emenda para modernizar a liña que conecta a cidade coa Coruña. “É imprescindíbel modernizar a liña Ferrol-A Coruña, incluída a construción do bypass de Betanzos, e con actuacións urxentes en varios dos concellos da comarca: na ponte de ferro de Pontedeume,  nos pasos peonís en Fene ou nos noiros en Cabanas” explica Rego.

Aliás, o BNG defende implantar os servizos de cercanías ferroviarias nas áreas urbanas e metropolitanas da Galiza. “Demandamos traxectos específicos, con máis frecuencias e tarifas baixas. O Goberno non prevé implantar este servizo na Galiza mais si que o estabelecerá noutros puntos do Estado, o que afonda na discriminación do noso País nesta materia. ” apunta Rego.

Alén do máis, o Bloque Nacionalista Galego, na súa aposta decidida por promocionar o ferrocarril como un medio de transporte sustentábel, máis eficiente e eficaz, reclama a recuperación da antiga FEVE entre Ferrol e Ribadeo, así como a mellora da rede de infraestruturas. “Hai que frear o desmantelamento -tanto en infraestruturas, persoal e servizos- que a liña sofre desde hai tempo e implantar un servizo que permita garantir as comunicacións das comarcas” reivindica o deputado do BNG no Congreso.

En materia de infraestruturas, Néstor Rego propón actuacións nos apeadoiros da liña férrea de Narón tanto na accesibilidade ao recinto, a luminosidade como a proximidade ás zonas de vivendas. Así mesmo, demanda o arranxo da travesía do FEVE en Narón polo acceso principal desde a estrada de Castela á estación de tren de Xuvia. “Actualmente presenta unhas condicións lamentábeis para o tránsitos dos viandantes e dos vehículos” explica Rego.

Recuperación e diversificación da actividade industrial

En atención á crise industrial que sofre o noso País, en especial a comarca de Ferrol, o BNG defende unha emenda para converter Navantia nun complexo industrial integral, que permita tamén a construción naval civil, ademais da diversificación da súa actividade, conseguindo así verdadeira carga de traballo para xerar postos de traballo, tanto directos como na industria auxiliar e todas as empresas que dependen de Navantia, logrando dar verdadeiro pulo a esta industria que é o motor da comarca de Ferrol.

Así, para a dotación de novas infraestruturas a Navantia que permitan a creación dese complexo integral da construción naval na Ría de Ferrol a formación nacionalista propón a creación dunha partida de 100 millóns de euros nos Orzamentos do Estado. “Queremos concretar as propostas para a optimización e plena actividade dos estaleiros da ría, garantindo as infraestruturas precisas para o acceso a todo tipo de construción naval, tamén a construción civil, reparacións ou a construción de turbinas” afirma o deputado mentres sinala a nula vontade do Goberno do Estado de abrir Navantia Ferrol á construción naval civil.

“Para avanzar na recuperación industrial, o BNG tamén presentou unha emenda para a creación dun centro na Galiza para a competitividade e a I+D+i no almacenamento de enerxía e que se sitúe nas Pontes” destaca o deputado nacionalista. “Este centro enmarcaríase dentro da Estratexia de Almacenamento e constituiría unha actividade alternativas tras o peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes” subliña Néstor Rego.

Así mesmo, reclaman o estabelecemento dunha partida de 1.8 millóns para a creación dun centro de investigación en robótica, vehículos autónomos e sistemas intelixentes para smart cities co obxectivo de converter As Pontes nun living-lab. Isto permitiría que as empresas do sector puidesen probar as súas estratexias e produtos, aproveitando as posibilidades únicas en Europa do lago das Pontes como área de ensaios e plataforma de desenvolvemento en ámbitos como a inspección de liñas e estruturas eléctricas, a monitorización de cultivos, plactónica, bioxeoquímica e de contaminantes en augas litorais, plataformas robóticas mariñas autónomas para a enerxía eólica mariña e outras enerxías renovábeis mariñas. Tamén para a inspección e mantemento de estruturas eólicas mariñas, de industria intelixente, dispositivos de asistencia e axuda no fogar ou a optimización de rutas de transporte, reparto de alimentos, así como o desenvolvemento de xemelos dixitais ou a formación en alta cualificación.

Tamén destaca a proposta da organización nacionalista para a construción do ecoparque empresarial Os Codesás-Portorroibo-Tesouro nas Pontes, que permitiría a dotación de chan industrial mediante a urbanización dunha superficie de 810.000 metros cadrados para a instalación de proxectos asociados ao Plan de Reconstrución e á Transición Xusta.

Plan de recuperación da Ría de Ferrol

A frente nacionalista tamén incluíu nas súas propostas unha emenda para a eliminación das barreiras e estruturas na Ría de Ferrol que permitan a súa rexeneración, así como os escombros da zona das Pías. “A ría podería ter unha maior produción marisqueira mais é preciso unha actuación para o seu saneamento e recuperación. Isto contribuiría a diversificar a actividade económica e á creación de novos postos de traballo” destaca Rego.

Rehabilitación e posta en valor de inmóbeis da comarca

“Demandamos varias actuacións para a posta en valor de varios monumentos da comarca, a comezar polo muíño das Aceas, en Narón, a través da limpeza dos lodos no embalse que se forman e que invaden a zona” destaca Rego. Así mesmo, dota dunha partida dun millón para a rehabilitación do Mosteiro de Santa María de Monfero -unha xoia arquitectónica que precisa dunha intervención urxente- e a realización dun convenio co Concello de San Sadurniño para unha nova fase de rehabilitación e acondicionamento do Castelo de Naraío.

Tamén se inclúe a demanda da sinatura dun convenio co Concello de Ares para a rehabilitación e un plan de usos do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro-Ares xa que o inmóbel é propiedade do Ministerio de Defensa mais nunca realizou ningún investimento “pola contra, tanto a Xunta como a Deputación da Coruña realizaron investimentos para a súa rehabilitación”.

A estas actuacións cabe engadir a necesidade de intervir na mellora da habitabilidade do Convento do Rosario de San Sadurniño, un edificio histórico de titularidade municipal que alberga distintos organismos públicos.

Proxectos para o futuro da cidade de Ferrol

Pola súa parte, o portavoz do BNG no Concello de Ferrol destaca a emenda para que o Ministerio de Defensa compense a ocupación de 20% do chan urbano no municipio, tantos os adscritos a este Ministerio como os desafectados a través da ocupación industrial, como o caso de Navantia. “O Goberno do Estado non tributa nin paga o IBI destes terreos polo que supón unha deficiencia estrutural de ingresos nas arcas municipais” explica Rivas.

Así mesmo, demanda a transformación da rede de saneamento nunha rede separativa para convertelo nun sistema moito máis sustentábel mediambientalmente e máis económica. “A rede de saneamento foi construída seguindo un modelo de rede unitaria. Isto debe mudar e completar a construción, declarada de interese xeral en 1997, en que incluía o medio rural da cidade. Debe rematarse e por iso rexistramos outra emenda cunha partida suficiente para completar a rede de saneamento” sinala o portavoz municipal do BNG.

Así mesmo, o voceiro nacionalista sinalou que “propomos asinar un convenio co Concello de Ferrol para a rehabilitación e Plan de Usos do Castelo de San Felipe. É necesario executar novas obras e posta en valor deste edificio” afirma Rivas.

Por último, Iván Rivas quixo facer especial fincapé na emenda rexistrada para iniciar de forma urxente as obras de reforma e renovación do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Física (CAMF Ferrol) que precisa de fondos para poder seguir mantendo a súa actividade en condicións adecuadas para as persoas usuarias.