O BNG consigue un acordo no Parlamento para que a Xunta atenda as denuncias dos veciños e veciñas das Somozas relativas a explotación mineira “Viñas”
18 de setembro de 2021 (18:48 h.)
O deputado do BNG pola comarca de Ferrol, Mon Fernández autor da proposición, comezaba a súa intervención facendo referencia ás múltiples situacións irregulares que se veñen producindo con absoluta impunidade neste Concello.
“Se aquela famosa frase <Algo cheira a podre en Dinamarca> pode aplicarse a algún Concello do noso país, sen dúbida ningunha que ese Concello é o das Somozas. Tanto no sentido figurado, tal como na obra de Shakespeare, referíndose á corrupción, como no sentido literal.”
“Veciños e veciñas de parroquias como Seixas xa teñen denunciado en repetidas ocasións non só olores, senón tamén verteduras de residuos, que contaminan as fontes e os rios, e que poderían ser na actualidade a causa da mortandade de peixes no río Grande de Xuvia que esta semana pasada denunciaba no SEPRONA a alcaldesa de Moeche, e pola que tivo que prohibir o baño na zona da área recreativa.”
En canto ao problema da explotación mineira de “Viñas” o deputado reprochou á Xunta que non exercera as súas competencias de inspección e control da actividade mineira, así como o feito de considerar vixente unha Declaración de Efectos Ambientais elaborada hai máis de 25 anos, en base a unha interpretación administrativa que fomenta comportamentos fraudulentos por parte das empresas para evitar a caducidade das autorizacións ambientais.
Finalmente reclamou a paralización inmediata das actividades en tanto que, aínda aceptando a vixencia da mencionada DEA, a empresa incumpre as medidas correctoras que esta contén, nomeadamente as relativas á protección dos medios hídricos, regatos afluentes do río Xuvia, a través da habilitación de balsas para recoller as escorrentías provocadas pola choiva, que nestes días son especialmente graves.
O texto aprobado no Parlamento a instancias do BNG (despois de incorporar unha achega do PP) é o seguinte: "O Parlamento de Galiza insta á Xunta a adoptar as medidas que sexan precisas na explotación mineira coñecida como “Viñas”, e no seu caso a paralización, situada na parroquia de Recemel no concello das Somozas, para garantir efectivamente a seguridade das persoas, dos regatos e ríos da contorna, así como das vivendas, e da circulación viaria."