O BNG comeza unha campaña en defensa do tren nos concellos da comarca

Presentación da campaña
Considera prioritario rematar coa exclusión da comarca en materia ferroviaria

 O deputado do BNG no Parlamento Galego, “Mon” Fernández e a responsábel comarcal da organización, Mercedes Tobío -arroupados por outros cargos institucionais e orgánicos do BNG na comarca- presentaron a campaña que a partir de hoxe vai desenvolver a organización en defensa dos servizos ferroviarios e, específicamente, a prol das históricas reivindicacións que a sociedade comarcal vén facendo con relación á liña Ferrol-A Coruña.

Na presentación da campaña, “Mon” Fernández afirmou que “na comarca temos o paradigma do deterioro e abandono das infraestruturas ferroviarias; que durante anos continúan a perpetuarse polos gobernos español e galego, nun deseño  que ten responsabilidades directas tanto do PP coma do PSOE”.

O deputado nacionalista fixo mención á “obsesión por conectar Galiza con Madrid, no canto de garantir uns servizos ferroiarios dignos que conecten os concellos galegos, garantindo unha mobilidade máis eficiente, racional e útil para as persoas e máis respectuosa co medio ambiente” engadindo que “no caso das conexións de Ferrol con A Coruña estamos perante unha situación de clara exclusión dun servizo de calidade; que perpetúa o noso aillamento”

Incidindo na situación de Ferrol e comarca, a responsábel comarcal do BNG, Mercedes Tobío fixo alusión “ás históricas e nunca atendidas reivindicacións que ven facendo a sociedade da comarca ao respecto da liña Ferrol-A Coruña, coma é a electrificación e dupla vía, a construción dun by-pass en Betanzos para favorecer o emprego do ferrocarril en toda a zona urbana da liña e acurtar tempos de viaxe entre as dúas cidades”

Mercedes Tobío enfatizou nas demandas do BNG para “restituir os apeadeiros abandonados e mesmo apertura de novas estaciósn para dar cobertura aos principais núcleos de poboación polos que pasa o ferrocarril Ferrol-A Coruña; habilitando zonas de aparcamento e, sobor de todo, deseñando frecuencias e horarios adaptados ás necesidades das ususarias, nomeadamente traballadoras e estudantes”

Con estas premisas, o BNG vai desenvolver nos concellos da comarca unha campaña de sensibilización sobre a demanda dunha rede ferroviaria que prime a mobilidade e contribúa ao desenvolvimento da comarca; co reparto masivo dun manifesto con estas demandas e a recollida masiva de sinaturas apoiando as reivindicacións.