O BNG coloca o Concello de Moeche no debate dos orzamentos da Xunta

Beatriz Bascoy e Mon Fernández
O BNG demanda incluír as melloras para o CEIP San Ramón de Moeche nos vindeiros orzamentos da Xunta

A alcaldesa de Moeche, Bea Bascoi, e o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, presentaron as emendas do BNG aos orzamentos da Xunta para este concello diante do centro de ensino de Moeche, o CEIP San Ramón. Este centro educativo leva máis de 10 anos nunha situación que daría vergoña a calquer goberno, mais non á Xunta do Partido Popular, que fai bandeira dos recortes no ensino público e especialmente nos concellos e nas parroquias rurais.

A alcaldesa lembra que ao longo destes anos o concello xa ten trasladado á Consellería de Educación o estado de deterioro da cuberta do CEIP San Ramón, así como a necesidade de mellorar o illamento, eliminar o burato do rocho polo que entraba auga (so se tapiou a entrada), o pintado exterior do edificio, ou a construción dunha cubertanoexterior na que as nenas e nenos puidesen agardar polas mañás os días de choiva, peticións que polo de agora non foron atendidas. 

Ao mesmo tempo, a alcaldesa aproveita para poñer en valor que a matrícula no colexio mantense desde hai varios anos, chamando a atención sobre a importancia de contar con un ensino de calidade e con centros en perfeitas condicións e que ofrezan todos os servizos para manter a poboación no rural. 

Os veciños e veciñas do rural precisan de servizos públicos básicos, educación, sanidade, mobilidade, con tren e transporte por estrada. Problemas que coñecen ben en Moeche e que centran as emendas presentadas polo BNG ao proxecto de orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2025. 

Un ano máis tampouco figura nos orzamentos da Xunta previsión ningunha para solucionar o problema da curva do río Xuvia na área recreativa, malia ter existido fondos europeos especificamente para obras deste tipo que a Xunta non solicitou. 

O BNG presentou de novo unha emenda aos orzamentos para que a Xunta faga esta obra con recursos propios. E tampouco hai espazo nos orzamentos da Xunta, un ano máis, para aproveitamento do solo industrial, de carácter privado, co que conta Moeche nin sequera para colaborar na progresiva rehabilitación do recinto feiral de carácter comarcal.

Outras emendas tamén presentadas teñen a ver coa ampliación do recinto cabalar e máis co mantemento do Castelo. Un anos máis a alcaldesa de Moeche amosa o seu orgullo como veciña do rural e ao mesmo tempo a súa decepción co actual goberno galego: “Vivir no rural sería unha marabilla se a Xunta asumise as súas competencias”.