O BNG e a CIG manifestan a súa posición respeito do borrador do Goberno estatal para o Fondo de compensación ás vítimas do amianto

Rolda de prensa CIG e BNG
BNG e CIG denuncian que a proposta do Goberno é ridícula e liquida as lexítimas expectativas das vítimas e das súas familias

O mércores 24 compareceron en rolda de prensa conxunta, en Ferrol, o BNG e máis a CIG para manifestar a súa posición respeito do borrador do goberno estatal para o Fondo de compensación ás vítimas do amianto.

Ambas organizacións coinciden na súa valoración negativa desta norma, denunciando que para o caso de aprobarse o regulamento nos termos propostos polo goberno reduciría o Fondo a simples papel mollado, e remataría coas xustas e lexítimas expectativas que as vítimas teñen depositado na aprobación deste Fondo.

En representación da CIG compareceron Xoan Xosé Bouzas, Secretario nacional da CIG-INDUSTRIA, Paula Grueiro do Gabinete de Saúde laboral da CIG, e Manel Grandal, Secretario comarcal da CIG-FERROL. Por parte do BNG participaron Cristina García, deputada provincial, e Mon Fernández deputado no Parlamento Galego.

Segundo explicaron desde a CIG, o borrador do Regulamento é totalmente restritivo nas vías de acceso ao fondo, limitándoo en primeiro lugar a aquelas persoas que xa dispoñen dun recoñecemento administrativo ou xudicial dunha pensión ou dunha indemnización, e impoñendo para todas as demais persoas (que en principio deberían ser principais destinatarias do Fondo), unhas condicións de acceso absolutamente irracionais, limitando a dúas as patoloxías e esixindo a inscrición das persoas no RETEA.

A técnica do Gabinete de Saúde laboral da CIG chamou a atención sobre o feito de non incluírse como patoloxías “indemnizables”, por exemplo, a fibrose, as placas pleurais, a asbestose sen repercusión, o cancro de pulmón, o de larinxe ou de útero, contra o criterio de toda a doutrina científica e do que xa se ven facendo en outros estados da UE.

O Secretario da CIG-INDUSTRIA denunciou as cantidades ridículas que se propoñen como compensacións, moi inferiores ás que veñen decretando os tribunais. Neste sentido a obriga de tributar polas cantidades percibidas en conceito de compensación significaría unha redución ou penalización das persoas beneficiarias sen xustificación ningunha. Por outra banda, o feito de que se exclúa a posibilidade de facer máis de unha solicitude por persoa delata un nulo coñecimento desta problemática, que fai que sexa habitual a evolución da enfermidade ou mesmo padecer diferentes patoloxías, que loxicamente deberían xustificar máis de unha solicitude coa súa correspondente nova compensación.

Tamén fixeron mención á estrutura de funcionamento do Fondo, da que celebraron que prevea a constitución de unidades de valoración especializadas nas Comunidades autónomas, e aproveitaron para recomendar afondar nesa liña constituíndo unha estrutura totalmente descentralizada do Fondo, situando a capacidade de resolución das solicitudes nun organismo tamén autonómico.

Tamén foron moi críticos co feito de situar a competencia para coñecer das impugnacións ás resolucións do Fondo na xurisdición contencioso-administrativa, manifestando que debería ser a xurisdición social a que coñecera de todo o relativo a este Fondo, sendo como é, o recoñecimento dunha enfermidade profisional, competencia dos tribunais sociais, ademais de resultar máis simple, áxil e barato.

En canto á comisión de seguimento que deseña o regulamento compre salientar que é máis restritiva do que a propia lei de creación do fondo establece en canto á representación das centrais sindicais, limitándoas exclusivamente a 3, cando a Lei establece que terán representación todas as máis representativas, estatais ou autonómicas. Para CIG e BNG debería constituírse unha comisión de seguimento en cada Comunidade autónoma.

En conclusión, por parte do BNG o deputado Mon Fernández quixo manifestar con rotundidade que con esta proposta de Regulamento a finalidade de servir de alternativa á vía xudicial para todas as persoas afectadas desaparece, e a de reparar o dano na súa integridade tamén.

Denunciaron, máis unha vez, que non é de recibo a demora, a neglixencia e os intentos de boicotear o espírito inicial que motiva e xustifica a existencia deste Fondo de compensación para as vítimas do amianto, e se comprometeron a trasladar ao goberno as propostas elaboradas de común acordo coa CIG e co asesoramento de outras persoas expertas, ben a través das actuais negociacións para a investidura como a través de Proposicións non de lei no Congreso e no Parlamento Galego.