O BNG chama a participar o domingo en Ferrol na manifestación de solidariedade con Bruno Lopes
Esta manifestación convocada pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina e apoiada por máis de 30 entidades sociais do noso país sairá o domingo 25 de xaneiro ás 12 horas da praza Amada Garcia e rematará na praza de Armas.
Ferrol 22 de xaneiro de 2026. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrolterra fai unha chamada a participar na manifestación que terá lugar o vindeiro domingo, 25 de xaneiro, en Ferrol para amosar a solidariedade co activista Bruno Lopes e denunciar os intentos de silenciar a defensa da causa palestina mediante o medo e a coacción a través de denuncias inxustificadas que pretender igualar o antisionismo co antisemitismo.
Dende o BNG, Pilar Lozano, portavoz comarcal do BNG, quere animar a sociedade comarcal a participar activamente nesta convocatoria porque estamos diante dunha persecución política e unha montaxe policial por parte da Garda Civil contra un compañeiro que o único que fixo é denunciar o xenocidio en Palestina e o réxime de ocupación israelí.
Bruno Lopes é un coñecido activista e militante internacionalista, comprometido tamén co causa nacional de Galiza e coa vida social e comunitaria de Ferrol e da súa comarca, e a denuncia contra él en relación a varias publicacións antisionistas e nas que denuncia o xenocidio e a complicidade occidental co sionismo constitúe un claro ataque á liberdade de expresión e un intento de criminalizar a solidariedade. Cómpre salientar que esta denuncia é feita de oficio, sen denuncia previa de ningún particular ou entidade, o que evidencia que, nun escenario de xenocidio, o Estado español pon as súas forzas policiais a monitorar perfís persoais de activistas e militantes que se opoñen precisamente a ese xenocidio.
O BNG reclama que se arquive inmediatamente esta acusación inxustificada feita de oficio pola Brigada de Información da Guardia Civil, que confunde deliberadamente o antisionismo con antisemitismo e representa máis unha tentativa de cortar a liberdade de expresión de activistas e militantes sociais.
Esta manifestación convocada pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina e apoiada por máis de 30 entidades sociais do noso país sairá o domingo 25 de xaneiro ás 12 horas da praza Amada Garcia e rematará na praza de Armas.