O BNG chama á mobilización pola derrogación da reforma laboral
O BNG a prol da derrogación íntegra da reforma laboral do PP de 2012 chama á participación nas mobilizacións do vindeiro domingo día 30
O BNG de Ferrolterra vén de facer pública a súa posición a prol da derrogación íntegra da “reforma laboral” feita polo PP en 2012; compromiso que asumira no seu día o goberno PSOE-Unidas Podemos canda a investidura de Pedro Sánchez.
O deputado nacionalista “Mon” Fernández, afirma ao respecto que “os cambios que se lle fixeron á reforma do 2012 son írrelevantes, porque seguen a consolidarse aspectos coma as facilidades para o despedimento e o seu abaratamento, a prevalencia dos convenios estatais sobre os provinciais ou galegos ou mesmo as posibilidades de que as empresas se descolguen do convenio e incumpran o nel establecido”
“Mon” Fernández fixo especial fincapé na importancia da autorización administrativa previa –que agora queda eliminada- por parte da autoridade laboral nos EREs “que daría capacidade á autoridade e á administración para actuar no caso de despedimentos colectivos por parte das empresas; evitando casos dos que na nosa comarca temos exemplos moi recentes, coma Poligal (Narón) ou Siemens-Gamesa(As Somozas)”
Sobre o resultado desta “reforma”, o deputado nacionalista foi contundente, afirmando que “é evidente que o empresariado fica moi satisfeito deste proceso -porque na prática consolida o que fixera o PP- pero está claro que as traballadoras e traballadores non saimos gañando, porque non serve nen para recuperar os dereitos roubados nen para avanzar en dereitos, calidade de vida e benestar; nunha comarca no que é evidente un progresivo deterioro neses ámbitos”
Para rematar, “Mon” Fernández fixo un chamamento a “mobilizarnos para que non rouben os nosos dereitos; o que agora mesmo pasa pola derrogación da reforma que fixera o PP, cuestión que non só daría cumprimento ao que reclamaban no seu día os partidos que hoxe están no goberno do Estado, senón que ademáis é posíbel, porque hai unha maioría parlamentar que permitiría derrogar a reforma sen dificuldade. Se queren, poden….”