O BNG chama á cidadanía da comarca a participar no Día da Patria

Presentación 25X

Desenvolverá unha ampla campaña  e diversos actos públicos

No peirao de Maniños, en Fene, e co fondo da ría; o BNG de Ferrolterra presentou hoxe a campaña que vai desenvolver nos concellos da comarca cara á celebración do Dia da Patria, o próximo 25 de Xullo. Diversos cargos orgánicos e institucionais do BNG comarcal (Mercedes Tobío, responsábel comarcal/ Mon Fernández, deputado no parlamento galego / Iago Varela, tenente de alcalde de Cabanas / Olaia  Ledo, portavoz municipal en Narón e Sandra Permuy, portavoz municipal en Fene) deron conta da campaña informativa que xa se está levando a cabo co reparto de cartelaría e díticos; así como a realización de diversos actos públicos.

Baixo o lema de campaña “GAÑARMOS O FUTURO” o BNG recupera –após dous anos de pandemia- o formato tradicional da mobilización do Dia da Patria, nun momento crítico,que está a provocar unha situación de empobrecemento social da que non somos responsábeis. Porque queremos un país en que se poida vivir e traballar, que aposte pola igualdade desde o feminismo e a defensa dos servizos públicos, a comezar pola sanidade e o ensino, os coidados e a vivenda, a protección social. Un país que abrace a diversidade e se coñeza e recoñeza na súa propia língua, viva e normalizada.

Precisamos, pois, un novo marco político, superando os límites constitucionais e estatutarios, que permita tomar as nosas propias decisións desde Galiza. Sermos donas e donos dos nosos recursos enerxéticos, económicos e produtivos, e poñelos ao servizo da nosa sociedade, para podermos vivir dignamente do noso traballo. Rematar coa sangría migratoria da nosa mocidade. Frear o espolio do noso país co “boom eólico”, e instaurar  unha tarifa eléctrica galega, beneficiosa para as persoas e a actividade económica propia.

O acto central do BNG comarcal desenvolveráse no espazo do parque “Carmelo Teixeiro”, en Caranza, o vindeiro sábado dia 16 a partir das 12 horas; combinando formato lúdico e político. Neste último apartado, tomarán a palabra o portavoz municipal do BNG en Ferrol, Iván Rivas; a deputada no parlamento Galego, Noa Presas e o tamén deputado pola comarca Mon Fernández. En paralelo, haberá unha intervención musical de Xoan Padín; rematando a xornada de convivio cuns petiscos e refrixerio para as persoas asistentes.

Cun formato similar, desenvolveráse outro acto público o venres 22, a partir das 20 horas no espazo da “Alianza Aresá”, en Ares; coas intervencións de Mercedes Tobío, Tino Seco e Mon Fernández; rematando tamén o acto cunha intervención musical e petisco.

Asimesmo e, cara a garantir o desprazamento da veciñanza da comarca aos actos do 25 de xullo; o BNG disporá dun servizo de bus que partirá ás 10 h. de Ferrol, pasando por Fene e Vilar do Colo; regresando de Compostela ás 20 horas. A reserva de prazas pode facerse desde xá no teléfono 981364058 –en horarios de 8 a 13 horas- ou no correo ferrolterra@bng.gal.