O BNG centra o debate no próximo pleno do parlamento galego na suba desorbitada dos prezos

Foto nota
Unha Interpelación ao Vicepresidente e conselleiro de economía e varias Proposicións non de lei súmanse ás iniciativas presentadas no Congreso de deputadas e deputados
Desde a chegada da pandemia e das consecuencias económicas que provocou, a principal preocupación e demanda do BNG foi garantir unha saída xusta e galega da crise, e para garantilo ven realizando multitude de propostas que poden dividirse en dous grupos.
 
Unhas urxentes, de efecto inmediato, dirixidas a resolver os problemas máis urxentes ou agudos, como axudas directas ou baixadas de impostos. E outras propostas, dirixidas a promover cambios estruturais para impulsar a reactivación da nosa economía con criterios de equidade social.
 
O deputado do BNG no Parlamento Galego, Mon Fernández lembrou hoxe que “ o BNG ten impulsado propostas para mellorar o financiamento do noso autogoberno; propostas para aumentar o gasto en I+D+i até o 2,5% do PIB galego que impulse un modelo de crecemento baseado no coñecimento e nos produtos de alto valor engadido; e dun xeito destacado propostas para o sector enerxético: propostas para a creación dunha empresa galega e pública de enerxía que axude a modular os prezos eléctricos e contribúa a outro modelo de transición enerxética no noso país, ou propostas para modificar o sistema de fixación do prezo da electricidade liberándoo da voracidade descarnada do lobby eléctrico “.
 
Aos efectos da pandemia polo COVID sumaronselle outras crises tamén de carácter global, como a crise de subministros ou a guerra na Ucraína. Nese contexto, o deputado nacionalista afirmou que “todas estas sucesivas crises veñen constatar a vulnerabilidade da nosa economía así como que sempre as principais afectadas son as clases populares, e polo tanto veñen constatar tamén a necesidade de medidas de calado como as propostas polo BNG, que contribúan a un reparto da riqueza e das axudas máis equitativo, e a dotar ao goberno galego de competencias e recursos para actuar”
 
En canto ás actuacións urxentes, o BNG ven de presentar unha batería de propostas, tanto no Congreso dos deputados como no Parlamento Galego, instando tanto ao goberno do estado como ao goberno galego a actuar de inmediato sobre os efectos máis urxentes da actual crise:
 
Baixando o imposto de hidrocarburos
 
Suprimindo peaxes
 
Modificando o sistema de fixación do prezo da electricidade
 
Artellando medidas para o cumprimento da lei da cadea alimentaria garantindo a cobertura dos custes de produción
 
Impulsando axudas para o sector primario e pesqueiro
 
Aumentando as prestacións sociais e as pensións
 
Impulsando axudas á vivenda: alugueiros, axudas a financiación, etc..