O BNG aposta por crear un centro de I+D+i de almacenamento de enerxía nas Pontes fronte á confusión e improvisación na térmica

Mon Fernández

Mon Fernández defende esta alternativa “sólida e de futuro” para impulsar a reactivación industrial da comarca vinculada ao sector enerxético   

O portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, defendeu no Parlamento galego a creación dun centro de I+D+i para o almacenamento de enerxía, unha alternativa “sólida e con futuro, capaz de xerar emprego e atraer moitas outras empresas” que permitiría impulsar nas Pontes unha reactivación industrial vinculada ao sector enerxético e achegar certezas nun contexto de confusión e inseguridade no que “a situación da central térmica, e en consecuencia a situación da vila e da súa contorna, seguen igual, seguen sumidas na confusión e na improvisación”, o que, segundo recalcou, “fai que o impulso de alternativas sólidas e con futuro sexan prioritarias”.

Nunha proposición non de lei defendida na comisión parlamentaria de Industria, Fernández argumentou a idoneidade dun proxecto que, por unha banda, permitiría dar resposta á necesidade “urxente e estratéxica” de garantir a estabilidade do subministro na transición enerxética cara ás enerxías renovables, e, por outra, aproveitar a variedade de tecnoloxías existentes na contorna (hidráulica, eólica e gasística, así como a proximidade de instalacións industriais grandes consumidoras de enerxía) para testar a escala real as diferentes solucións que puideran promoverse desde ese centro tecnolóxico, o que serviría de polo atracción para que outras empresas do sector se instalaran nas Pontes ou na súa contorna.

“Coa constitución dun centro destas características poderiamos dar un salto cualitativo na cadea de valor da industria enerxética”, incidiu, para engadir a continuación que “poderiamos deixar de ser meros produtores de electricidade, como viñamos sendo historicamente, para ser tamén provedores de tecnoloxía, de coñecemento”, un aspecto que considerou chave para aproveitar a presencia de recursos enerxéticos e dunha industria transformadora como a térmica e o ciclo combinado de gas “para ascender nesa cadea de valor, entrando de cheo no que se denomina economía do coñecemento nun sector estratéxico e esencial como é o da enerxía”.

Logo de criticar ao PP o seu veto reiterado a esta alternativa, que o BNG xa defendeu no Parlamento galego hai dous anos, o deputado nacionalista recordou que, mentres, concretábase a creación en Estremadura dun Centro Ibérico de Investigación en Almacenamento Enerxético que poderá entrar en funcionamento a finais de 2023 cun investimento de 75 millóns de euros, a maior parte achegados polo Goberno estatal.

“E entón si, o PP en Galiza criticaba que se realizara ese investimento en Estremadura, pero sen aceptar a proposta para impulsar o das Pontes”, recriminou, logo de recalcar a participación no proxecto de Estremadura non só dos gobernos estatal e estremeño, senón tamén do portugués, “o que fai moito máis difícil de aceptar que non fose Galiza a escollida para instalar este centro”.

A xuízo do portavoz nacionalista de Industria, a importancia e os medios que estes tres gobernos conceden á constitución do centro estremeño e as expectativas que depositan nel, “reforzan as razóns e os argumentos que desde o BNG lanzábamos hai xa dous anos” e, neste sentido, considerou que o proxecto de Estremadura non supón un atranco para que se impulse outro dentro do Estado español, polo que reclamou á Xunta que fixe como obxectivo prioritario situalo nas Pontes e mesmo impulsalo con recursos propios, consignando xa as partidas necesarias nos próximos orzamentos.

Logo de advertir que “a Xunta foi incapaz de achegar ningunha solución, ningunha alternativa sólida e con futuro para a transición e a reactivación industrial das Pontes durante os últimos tres anos”, Fernández instou ao Goberno do PP a “cambiar o paso e cambiar de actitude” para asumir “as súas tarefas e responsabilidades de goberno, deixando de comportarse como se non fose máis que outro tertuliano ultra e impulsando alternativas con visión estratéxica, pero, sobre todo, con consignación orzamentaria”. Pese aos argumentos do deputado do Bloque, o PP xa adiantou durante o debate parlamentario o seu veto, unha vez máis, á proposta nacionalista.