O BNG apoia as reivindicacións das traballadoras do sector do comercio vario
Os días 17 e 18 está convocada unha folga na provincia da Coruña (e o 18 en todo o país) en todo o país para reivindicar os dereitos recollidos nos convenios provinciais
15 de abril de 2026.- Un grupo de representantes do Bloque Nacionalista Galego reuniuse esta mañá con representantes da Confederación Intersindical Galega do sector do comercio vario, que inclúe principalmente comercio téxtil (mais tamén xoiarías, ópticas, etc.), para coñecer as súas reivindicacións, polas que convocan unha folga os días 17 e 18 de abril na provincia da Coruña (e o 18 en todo o país).
As traballadoras reclaman que se manteñan os convenios provinciais, que son os convenios polos que se rexen na actualidade, e que a negociación non se leve a cabo a nivel estatal, que é o que pretende ARTE (a Asociación de Retail Textil de España), que agrupa as principais empresas do sector. Ademais de Inditex, nesta asociación están o grupo Cortefiel, H&M, Mango ou Primark.
As traballadoras reclaman o mantemento das súas condicións, xa que a diferenza entre o convenio provincial e a proposta de convenio estatal é substancial, tanto no que respecta ao salarios (arredor de 2.000 euros anuais menos) como ás condicións de traballo. A proposta de ARTE, para a que os sindicatos CCOO e FETICO ratificaron un preacordo, elimina antigüidade, días de asuntos propios, licenzas ou a propia xornada, xunto con moitos outros dereitos que existen actualmente na provincia da Coruña.
ARTE aceptou excluír o País Vasco desta negociación estatal, o que engade un argumento adicional para que as traballadoras galegas tamén poidan manter os convenios provinciais. Esta negociación coincide co anuncio do récord de beneficios de Inditex, hai só uns días, e co aumento dos incentivos á dirección da empresa.
Só na provincia da Coruña, neste sector traballan máis de 3000 (só 1500 nas empresas do grupo Inditex) persoas, que están chamadas á folga pola CIG os próximos 17 e 18 de abril, e por primeira vez esta convocatoria se produce nas catro provincias galegas. O convenio proposto por ARTE, inevitabelmente, afectará tamén as condicións laborais do resto de comercio vario en Galiza, xa que na actualidade os convenios provinciais que están caducados non se están a negociar, en espera deste acordo que inevitabelmente prexudicará as condicións de traballo de todas as persoas empregadas neste sector. A negociación galega destas condicións é unha condición imprescindíbel, tanto polas condicións particulares de cada territorio como polo feito de que os convenios galegos actuais son máis beneficiosos para os traballadores e traballadoras.
Os representantes do BNG mostraron o seu apoio ás dependentas, ademais de comprometérense a presentar iniciativas nas diferentes institucións nas que teñen presenza, para apoiar as súas reivindicacións e demandar o mantemento dos convenios provinciais e da negociación a nivel galego, e dos dereitos das traballadoras.