O BNG anuncia unha batería de iniciativas parlamentarias en Monfero

Visita parlamentar a Monfero
Unha delegación do Grupo Parlamentario do BNG visitou Monfero este mércores

A deputada portavoz de Cultura e Patrimonio no Parlamento Galego, Mercedes Queixas, e o deputado portavoz de Turismo, Daniel Pérez, acompañaron a "Mon" Fernández, deputado comarcal, nunha visita ao Concello de Monfero, onde anunciaron a presentación dunha batería de iniciativas parlamentares. Estiveron acompañados por Manuel García (Lolo) da agrupación local e máis por Mercedes Tobío, portavoz comarcal.

A rehabilitación e recuperación para usos públicos do mosteiro de Sta. María de Monfero e a protección das fragas do Eume chegarán ao Parlamento da man do BNG, con iniciativas a rexistrar nos vindeiros días.

A posta en valor do patrimonio das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal xa ten sido obxecto de iniciativas en outras ocasións por parte do BNG, a última delas no debate dos orzamentos galegos a través da presentación de emendas. Nesta ocasión, o deputado “Mon” Fernández afirmou que  “o BNG levará unha iniciativa específica para que a Xunta se faga cargo da rehabilitación, posta en valor, e divulgación dos principais fitos históricos vinculados ao mosteiro, de gran transcendencia na historia da comarca e na historia xeral da Galiza. Un tesouro patrimonial e histórico situado nunha zona de gran beleza e valor do punto de vista natural, que debería ser obxecto de introdución nas campañas e itinerarios turísticos competencia da Xunta”.

Segundo o deputado nacionalista “o que nos leva á protección das Fragas é o feito de que o 62% dos territorio do Parque encóntrase no termo municipal de Monfero. Un parque natural e un ecosistema absolutamente desprotexido que continúan sufrindo agresións, en forma de introdución masiva do eucalipto e da ameza provocada polo descontrol eólico”.

Esta situación de abandono tamén ten sido obxecto de moitas iniciativas e intervencións parlamentarias por parte do BNG, que reincidirá na urxencia de impulsar a elaboración e aprobación do PRUX do Parque coa colaboración e participación dos propietarios, así como de ampliar a rede NATURA.