O BNG acusa ao PSOE de Neda de pasar do incumprimento da Lei ao esperpento

Imaxe de arquivo de acto do BNG de denuncia fronte á cruz

A negativa do PSOE de Neda –con maioría absoluta na corporación- á aprobación no pleno municipal celebrado onte da proposta do BNG para retirar, ao fío do estipulado na Lei de Memoria Democrática de 2022, a “Cruz” de Neda; representa un claro incumprimento da lei e, o por engadido, do mantemento da simboloxía franquista. 

Unha actitude persistente por parte do PSOE de Neda, por canto no pleno de 28 de novembro de 2022 -coa Lei de Memoria Democrática xa en vigor- o mesmo PSOE rexeitaba unha moción do BNG para retirar a “Cruz dos caídos” a a rúa Gerardo Luaces, que fora alcalde na ditatura. Como “alternativa” o PSOE proponía convocar a Comisión Municipal da Memoria histórica; proposta da que nada se sabe cando pasaron máis de quince meses.

Hai que lembrar que o Bloque Nacionalista Galego realizara  un acto no Concello de Neda en Xaneiro do pasado ano para reclamar a retirada inmediata do monumento falanxista da Toeleira, coñecido como a ‘Cruz dos Caídos’, por respecto ás vítimas do franquismo e en cumprimento da Lei de Memoria Democrática. Unha iniciativa que se concretaba fronte á pasividade e a falta de vontade política e compromiso do goberno municipal do PSOE por cumprir a lei.

Xa daquela dixemos que a “Cruz dos Caídos” é un monumento franquista de exaltación das persoas do bando gañador da Guerra Civil, que debería ter sido retirada moito antes, en todo o caso, coa aprobación da Lei de Memoria Histórica de 2007 e, con moitos máis argumentos, após a aprobación da Lei de Memoria Democrática en outubro de 2022. Pero hai máis. Nunha sentenza da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo (TS), coñecida en decembro de 2023, que crea xurisprudencia, desestimabase o recurso da “Plataforma Ciudadana en Defensa de la Cruz” e confirmábase o acordo do concello de Callosa de Segura (Alacante) que acordara a retirada do monumento alí ubicado.

No contido da sentenza afírmase que a cruz “supón exaltación da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión franquista”. “Estamos ante un símbolo relixioso -cruz- que contén elementos que impiden recoñecerlle un valor neutral como mero símbolo artístico ou artístico-relixioso. Pola contra, a súa presenza nun espazo público permite apreciar un acto de exaltación en canto contribúe a realzar o mérito daquela contenda civil coa inclusión da listaxe de falecidos dun só bando que, implicitamente, tamén conleva a reprobación do bando contrario na percepción social”.

Nese contexto, a posición do PSOE de Neda pasa do reiterado incumprimento da lei –que leva consigo o mantemento dun monumento franquista- a unha situación de auténtico esperpento; por canto na votación do pleno de onte o mesmo PP votou a favor da proposta da retirada da cruz; quedándose o PSOE solitario na negativa a dar cumprimento da Lei e mesmo de sentenza xudicial firme. Fronte a isto, desde o BNG imos trasladar iniciativas ao Congreso para denunciar a actitude do goberno municipal de Neda –con maioría do PSOE- e demandar as medidas que procedan para o cumprimento da lei e, asimesmo, aportaremos a información que proceda sobre o asunto ao expediente que ten aberto o “Defensor del Pueblo” a instancias do historiador e represaliado do franquismo, Manuel Monge González.