André Rodríguez é o candidato do BNG á Alcaldía de Valdoviño

André Rodríguez, candidato do BNG en Valdoviño

A asamblea local do BNG de Valdoviño elixiu por unanimidade a André Rodríguez Rodríguez para encabezar a candidatura ao Concello nas próximas eleccións municipais do 28 de maio. Aínda que André Rodríguez milita na organización nacionalista desde hai tempo, é a primeira vez que asume o papel de candidato á Alcaldía, dentro dun proceso de profunda renovación da candidatura, co obxectivo e co compromiso de abrir un tempo novo tamén en Valdoviño, con novas persoas á fronte do Concello, novas ideas e novos proxectos.

André Rodríguez, de 40 anos, técnico electricista e natural de Meirás, defínese como unha persoa comprometida con Valdoviño e co país, con moita ilusión e con gana de traballar con toda a súa enerxía para que as veciñas e os veciños de Valdoviño teñan un Concello que atenda as necesidades de todas as persoas e de todas as parroquias, un concello moderno, vivo, dinámico, que deixe de estar instalado na rutina de sempre e que afronte o futuro de Valdoviño, abordando dunha vez prioridades tan demandadas polo conxunto da veciñanza como o Plan Xeral de Ordenación Urbana, un Centro de Día, estar dentro da Rede de Escolas Infantís cunha Galiña Azul ou a potenciación dun turismo que se manteña todo o ano, e non só durante o verán, e que contribúa á creación de emprego estábel e ao desenvolvemento económico do municipio.

 

O candidato do BNG á Alcaldía asume esa responsabilidade acompañado dun equipo de persoas que será presentado nos próximos días, disposto a traballar intensamente para acadar un resultado electoral que lle permita ao BNG multiplicar a súa representación e ser determinante no goberno do Concello nos próximos catro anos, sempre cunha acción política en positivo, construíndo, esforzándose cada día en lograr un concello que teña máis e mellores servizos, que se fixe como obxectivo mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza e crear condicións favorábeis para que Valdoviño non sexa só o concello onde se veranea ou onde se reside, senón tamén un municipio onde se poida vivir e traballar, impulsando desde o Concello todo o seu enorme potencial turístico, agrario e forestal.