Fernández Alfonzo reclama á Xunta que se poña de lado da xente e axude á veciñanza de Neda afectada polas inundacións
Case o 90 % das persoas afectadas foron derivadas ao consorcio de seguros e a maioría están tendo que rexeitar as ofertas “absolutamente insuficientes”
O deputado do BNG Ramón Fernández Alfonzo reclamou hoxe á Xunta do PP que se poña do lado da xente e dispoña dun fondo extraordinario de axudas económicas para os veciños e as veciñas de Neda afectadas polas inundacións que se produciron entre os días 13 e 14 de novembro, cando se desbordaron os ríos Basteiro e Belelle.
Fernández Alfonzo lembrou que as abundantes choivas rexistradas afectaron sobre todo á zona de Santa María de Neda, onde ao redor de 40 casas e algún negocio foron atravesados “polo que algún veciño chegou a denominar tsunami”, palabra esta que “describe o que pasou moito mellor que falar de inundación”, dixo.
“A auga entrou nas casas coa forza dun torrente despois de cruzar a estrada xeral, arrastrando todo tipo de elementos e mesmo animais, rebentando os portais das fincas e das casas, e lanzando estruturas de centos de quilos centos de metros de distancia, nunha riada que chegou a superar unha altura de metro e medio”, explicou o deputado durante a formulación dunha pregunta á vicepresidenta 2ª e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que na súa resposta non se comprometeu a establecer as axudas demandas polo BNG.
O deputado nacionalista lamentou a falta de compromiso da Xunta do PP coas persoas afectadas por unha riada de máis de metro e medio de altura, pois, segundo as estimacións da propia veciñanza, “ninguén vai recuperar máis dun 30 % do valor do prexuízo que realmente sufriu”. Algúns dos veciños e veciñas, advertiu, xa están pensando en acudir á Xustiza para defender “os seus lexítimos intereses”. Case o 90 % das persoas foron derivadas ao consorcio de seguros e a maioría, expuxo, están tendo que rexeitar as ofertas porque son “absolutamente insuficientes”.
É por iso que pediu á conselleira que “estea a altura do que se espera dun goberno, que é poñerse ao lado dos cidadáns cando máis o necesitan”. Subliñou, neste sentido, a falta de apoio coa que os afectados, que xa teñen constituída unha plataforma, “van avanzando na limpeza e retirada dos elementos arruinados como poden, facendo as reparacións máis urxentes e substituíndo a roupa, mobiliario e electrodomésticos estragados por outros novos, para refacer a súa vida”.
Subliñou, por outra banda, que a Xunta é titular dos ríos, responsábel de manter as bacías en bo estado e responsábel das concesións que existen no río, tanto de outorgalas como de comprobar que cumpren as condicións polas que foron concedidas. Así mesmo, engadiu, e a Xunta a administración encargada do deseño de todo o sistema de previsión e actuación ante o risco de inundación.